San Froilán 2026: nove días de festa

Verbenas todos os días, concertos gratuítos na Horta do Seminario e na
Praza de Santa María, un San Froilán Miúdo con Os Pelúdez e Pica Pica,
e a festa nas rúas. Do 4 ao 12 de outubro, Lugo xa ten programa.

O San Froilán 2026 xa ten programa. Do 4 ao 12 de outubro, Lugo celebra as súas
festas patronais con centos de actividades, todas gratuítas, nas que participarán
agrupacións e artistas locais e nacionais. Un San Froilán grande nos escenarios,
popular nas rúas e pensado para todos e todas: para quen queira gozar dun gran
concerto, para quen prefira a música tradicional, para as familias e para a xente
máis nova.

Verbena todos os días

As verbenas son unha das pezas fundamentais do San Froilán, pola súa esencia
popular e pola súa capacidade de reunir persoas de todas as idades arredor da
música. Este ano haberá verbena todos os días: 13 en total, repartidas en catro
localizacións, con formacións de gran proxección no panorama verbeneiro que
levarán a festa a máis puntos de Lugo.

Na Praza Maior, diante da Casa do Concello, actuarán Marbella, Principal,
Los Satélites, Acordes, Grupo Beatriz, Punto Clave, América, Suavecito,
Escaparate e Costa Dorada
.

A festa chegará tamén a outros barrios con París de Noia
(día 5, Augas Férreas), Panorama City
(día 8, Agro do Rolo) e Panorama
(día 12, cun espectacular escenario de 64 metros, nun lugar aínda por confirmar).

O 12 de outubro, día de peche das festas, será especialmente intenso, con tres
orquestras: Escaparate na sesión vermú das 13.00 horas na Praza Maior,
Costa Dorada ás 19.30 horas tamén diante da Casa do Concello,
e Panorama.

San Froilán Miúdo: os nenos e nenas tamén son protagonistas

A programación infantil comeza xa en setembro con Os Pelúdez,
que farán 30 visitas a centros educativos, escolas infantís e ao HULA para
achegar aos máis pequenos as raíces e a identidade do San Froilán.
Os Pelúdez forman parte da memoria das festas e volven para que as novas
xeracións os coñezan.

Xa en outubro, Pica Pica ofrecerá o seu espectáculo musical
para toda a familia o día 5 ás 12.00 horas na Horta do Seminario.

Tamén están confirmados o espectáculo itinerante de Diminuts
e o Carrusel Ambulante, e a programación completarase con música,
maxia, contacontos e outros espectáculos infantís.

As barracas abrirán do 26 de setembro ao 12 de outubro e haberá un
Día do Neno con prezos máis económicos nas atraccións.

Espazo para a xente nova

Espazo Hip Hop, San FroiDance e Electronic Lucus Fest
son as propostas pensadas especialmente para o público máis novo.

Horta do Seminario: unha música diferente cada día

A Horta do Seminario será un dos grandes puntos de encontro musical do San
Froilán, cunha programación totalmente gratuíta que combina artistas de
proxección nacional, nomes consolidados e o mellor talento galego e local.

Polo seu escenario pasarán Nil Moliner, Malú, Juan Magán, Celtas Cortos,
Sidecars e Santiago Auserón
, xunto a propostas galegas e novas xeracións
como The Rapants, Novelouro e Lucho RK, ademais de
La Penúltima.

  • 4 de outubro: Nil Moliner
  • 5 de outubro: Pica Pica e Sidecars
  • 6 de outubro: Novelouro + The Rapants
  • 7 de outubro: Lucho RK + Santiago Auserón
  • 8 de outubro: Celtas Cortos
  • 9 de outubro: Malú
  • 10 de outubro: Juan Magán
  • 11 de outubro: La Penúltima
  • 12 de outubro: Los Diablos

Santa María: a música que forma parte da identidade de Lugo

A Praza de Santa María terá programación propia, cunha aposta pola música
tradicional, a cultura galega e as agrupacións locais: corais, bandas, zanfonas,
gaiteiros, danza e humor.

Pasarán por este escenario a Banda Filarmónica e Brath,
a Orquestra Terranova cun espectáculo de zanfonas,
San Froilán Sonríe con monólogos de humor,
El Kiki y el Cante de las Minas nun espectáculo do Teatro Real,
Cántigas e Frores, Airiños de Orbazai, a Asociación de Gaiteiros
e Xisco Feijoo
, ademais de grupos locais.

O 4 de outubro a programación completarase con actuacións de corais.

A festa tamén está nas rúas

O San Froilán é tamén unha festa de rúa. A Banda Municipal de Música
actuará no templete tras o pregón, e participarán tamén a Banda Filarmónica,
as Bandas de Música Crisanto, as escolas mancomunadas de Outeiro de Rei,
Friol, Rábade e Begonte e numerosos grupos locais.

Haberá pasarrúas, charangas e batucadas, e os Xigantes e Cabezudos
volverán formar parte da paisaxe festiva da cidade.

A tradición galega terá o seu espazo cos grupos de danza e escolas de baile,
o Domingo das Mozas e o desfile do traxe galego, e unha
verbena galega de antes cun espectáculo teatralizado na Praza Maior.

E para descubrir Lugo durante as festas: a Feira do Mel
na Praza de Santo Domingo, o San Froilán Tecedor,
a Mostra de Coches Clásicos e o
Mercado Medieval, o 12 de outubro.

Ademais, o Concello colabora co Mariña Fest, que se celebra
os días 2 e 3 de outubro, xusto antes das festas.


O programa completo, con horarios e localizacións de cada actividade,
estará dispoñible nos vindeiros días.