Xa hai xurado para o cartel do San Froilán 2026
Catro profesionais das artes plásticas, a ilustración e o deseño escollerán
o cartel anunciador das festas, nun concurso aberto a calquera persoa que
queira participar.
O concurso do cartel do San Froilán 2026 xa ten xurado. Serán catro as persoas
encargadas de valorar as propostas e escoller a imaxe que acompañará as festas
patronais de Lugo: Lomarti (Juan José López Martínez), Lucila Yáñez Anlló,
Xoán Guerreiro Vázquez e Zalo (Gonzalo Sánchez Folgueira).
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, explicou que a composición
do xurado responde á vontade de contar con persoas con coñecementos e experiencia
na creación e de garantir a independencia e a imparcialidade na valoración das
propostas, dentro das condicións establecidas nas bases da convocatoria.
Un concurso aberto a todos
Con esta convocatoria, o San Froilán recupera a fórmula do concurso aberto, que
durante 26 edicións permitiu que calquera persoa interesada presentase a súa
proposta.
Trátase dun certame de carácter amateur no que pode participar quen queira, sempre
que cumpra as bases. As propostas valoraranse polo seu deseño e composición
estética, a orixinalidade, a creatividade e a calidade técnica.
Quen forma o xurado
Lomarti (Juan José López Martínez).
Artista multidisciplinar e referente da escultura galega, cunha traxectoria que
abrangue tamén a pintura, a fotografía e o deseño gráfico. A súa capacidade para
combinar técnicas e linguaxes visuais converteuno nunha figura de referencia no
ámbito da ilustración e da creación gráfica.
Lucila Yáñez Anlló.
Licenciada en Belas Artes, investigadora e profesional vinculada ao Museo
Provincial de Lugo. O seu traballo céntrase no estudo, a catalogación e a
divulgación do patrimonio artístico e da obra gráfica de creadores relevantes.
Xoán Guerreiro Vázquez.
Ilustrador. Ilustrou varias obras literarias, deseñou portadas discográficas e foi
finalista do concurso de ilustración de libros de contos de Espasa-Calpe. Conta
ademais co primeiro premio de pintura LugoNova e foi seleccionado en tres edicións
da Mostra Unión Fenosa.
Zalo (Gonzalo Sánchez Folgueira).
Artista plástico e profesor da Escola de Artes Aplicadas de Lugo. Contribuíu á
formación artística e gráfica de distintas xeracións de creadores lucenses, e a
súa traxectoria foi recoñecida polo Museo Provincial de Lugo cunha exposición e
un catálogo monográfico.



