Xa temos cartel
As propostas de Alfredo León Mañu e de Irene Huéscar Villapún, unha lucense de 1.º da ESO, gañan os concursos do cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo. Do 4 ao 12 de outubro, Lugo xa ten cara para as súas festas.
O San Froilán 2026 xa ten imaxe. O xurado do concurso de carteis reuniuse este luns na Casa do Concello e escolleu as dúas propostas que acompañarán as festas patronais de Lugo nas rúas, nas redes e en cada esquina da cidade do 4 ao 12 de outubro: «Imaxinario festivo», de Alfredo León Mañu, para o San Froilán, e «O polbo da feira», de Irene Huéscar Villapún, para o San Froilán Miúdo.
Todo o San Froilán nun só golpe de vista
O cartel gañador do San Froilán 2026 é unha composición simétrica e minimalista na que os elementos que fan únicas as nosas festas comparten unha mesma linguaxe gráfica. O polbo, as tesoiras, o aceite, a música, a pandeireta ou o carrusel conviven nun deseño de paleta reducida, pensado para que calquera lucense recoñeza de inmediato de que festa se está a falar.
O seu autor, Alfredo León Mañu, leva máis de 25 anos dedicado ao deseño gráfico e acumula máis de 180 premios en concursos de todo o país. Non é a primeira vez que pon imaxe ao San Froilán: xa asinou o cartel da edición de 2022.
O San Froilán Miúdo, visto polos máis novos
Entre as dez propostas presentadas ao concurso do San Froilán Miúdo, o xurado escolleu a de Irene Huéscar Villapún, unha estudante lucense de 1.º da ESO que se formou de xeito autodidacta nas artes plásticas. Irene toca a trompeta na Banda Filarmónica e en Claustro Música, e no seu cartel xoga con dúas iconas das festas: parte do polbo, o gran protagonista das mesas do San Froilán, e transfórmao nas atraccións do recinto feiral. Un xogo creativo que será a imaxe de todas as actividades para nenos e nenas destas festas.
Un xurado con ollo experto
As propostas foron valoradas segundo os criterios das bases —deseño e composición estética, orixinalidade, creatividade e calidade técnica— por un xurado formado por profesionais das artes plásticas, a ilustración, o deseño gráfico e a cultura: o artista multidisciplinar Lomarti (Juan José López Martínez), a historiadora da arte Lucila Yáñez Anlló, vinculada ao Museo Provincial de Lugo, o ilustrador Xoán Guerreiro Vázquez e o artista plástico e profesor da Escola de Artes Aplicadas Zalo (Gonzalo Sánchez Folgueira).
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, felicitou as persoas gañadoras e agradeceu a participación de todas as que presentaron as súas propostas: «O San Froilán é unha festa de todos os lucenses e queremos que tamén o sexa a súaimaxe. Por iso apostamos por un proceso aberto no que calquera persoa poida presentar a súa proposta e competir en igualdade de condicións».
Xa só queda contar os días. Do 4 ao 12 de outubro, Lugo volve vestirse de festa.




